Introdución

A misión de Google é organizar a información do mundo, así como facer que sexa accesible e útil para todos. A información de localización xoga un papel importante nesa misión. Desde indicacións para chegar en coche ata resultados de busca que inclúan cousas situadas cerca ou indicacións sobre a hora á que adoita estar ateigado un restaurante, a información de localización pode facer que as túas experiencias en Google sexan máis útiles e relevantes.

A información sobre a localización tamén nos permite ofrecer algunhas funcións de produtos fundamentais, como mostrarche un sitio web no idioma correcto ou manter protexidos os servizos de Google.

Na Política de privacidade de Google descríbese como usa Google os datos (por exemplo, a información de localización) cando utilizas os seus produtos e servizos. Esta páxina contén detalles adicionais sobre a información de localización que utiliza Google e acerca de como podes controlar as formas en que se pode usar. Algunhas prácticas relacionadas con datos poden ser distintas para os usuarios menores de 18 anos. Consulta máis información no Aviso de privacidade para Contas de Google e perfís xestionados a través de Family Link para nenos menores de 13 anos e na Guía de privacidade para adolescentes de Google.

Como usa Google a información de localización?

Google dálle á información de localización distintos usos segundo o servizo ou a función de que se trate, e dependendo tamén da configuración do dispositivo e da conta do usuario en cuestión. A continuación, explicámosche algúns dos principais obxectivos cos que usa Google a información de localización.

Para facer que as experiencias resulten útiles

Cando os usuarios interactúan cos produtos de Google, podemos usar ou gardar información de localización para proporcionarlles servizos útiles (como ofrecerlles resultados de busca relevantes para a zona en cuestión máis rapidamente, predicións de tráfico para os seus desprazamentos diarios e suxestións que teñan en conta o contexto desas persoas). Por exemplo, é probable que un usuario que busque horarios de películas queira ir a un cine do seu barrio, non doutra cidade. En Google Maps, a información de localización axuda a que os usuarios atopen a súa posición nun mapa e cheguen aos sitios que queren visitar.

Para axudar a que os usuarios lembren os sitios nos que estiveron

Os usuarios poden usar a función Cronoloxía para consultar os lugares aos que foron cos seus dispositivos. Para utilizala, poden activar Historial de localización, unha opción de configuración da Conta de Google que crea un mapa persoal dos sitios nos que estiveron e das rutas que seguiron. Se decides usar Historial de localización, as localizacións precisas do teu dispositivo gardaranse nun mapa persoal, mesmo cando non teñas aplicacións de Google abertas. Esta información pódese consultar e eliminar en Cronoloxía.

Para axudar a que os usuarios atopen máis rápido o que buscan e obteñan resultados máis útiles

Actividade web e das aplicacións, por exemplo, é unha opción de configuración das contas de Google que lles permite aos usuarios gardar datos relativos á súa actividade e outra información asociada, como a localización, para que poidan gozar dunha experiencia máis personalizada cando teñen a sesión iniciada nos servizos de Google. Por exemplo, a Busca pode mostrarche resultados que son relevantes para unha zona xeral desde a que procuraches información con anterioridade.

Para mostrar anuncios máis relevantes

A información de localización pode axudarlle a Google a mostrarche anuncios máis relevantes. Se buscas, por exemplo, "zapatarías preto de min", a información de localización pode utilizarse para amosarche anuncios de zapatarías que estean cerca túa. Ademais, poñamos por caso que andas buscando un seguro para mascotas: nese suposto, os anunciantes poderían mostrarche as diferentes prestacións que ofrecen nas distintas zonas. Máis información sobre como se utilizan os datos de localización para mostrarche anuncios.

Para que as experiencias sexan máis seguras

Google utiliza información sobre a túa localización para prestarche algúns servizos básicos, como protexer a túa conta mediante a detección de actividade pouco común ou dun inicio de sesión desde unha localidade diferente da túa.

Para mostrar estimacións e tendencias comunitarias de carácter anónimo, así como para levar a cabo investigacións

Google tamén usa información de localización anónima agregada con fins de investigación e para mostrar as tendencias da comunidade.

Se queres consultar outros usos que se lle dá á información de localización, accede á Política de privacidade de Google.

Como funciona a localización no meu dispositivo Android e nas aplicacións para este sistema operativo?

Grazas á localización do teu dispositivo, podes atopar resultados de busca locais, obter predicións para os percorridos diarios e encontrar restaurantes nas proximidades. A configuración dos dispositivos Android que se utiliza nos teléfonos móbiles e nas tabletas permíteche controlar se os servizos de localización do teu dispositivo fan unha estimación da localización, e tamén se as distintas aplicacións e servizos que teñas instalados nel poden usar a súa localización e, no seu caso, a maneira en que deben facelo.

Como podes controlar o uso da localización dos dispositivos por parte das aplicacións?

Podes controlar as aplicacións que teñen permiso para utilizar a localización do teu dispositivo Android desde a configuración deste. Na configuración, tes opcións que che permiten escoller se unha determinada aplicación pode acceder á localización precisa ou á aproximada. Engadimos axustes cos que podes decidir se unha aplicación pode acceder á localización do dispositivo en calquera momento, se só pode facelo mentres se está usando a aplicación, se ten que preguntar sempre ou se non pode utilizala nunca. A dispoñibilidade destes controis e opcións de configuración depende da versión de Android que teñas instalada no dispositivo. Máis información.

Como funciona a localización dos dispositivos?

En función da configuración do dispositivo Android, este poderá facer unha estimación da localización sobre a base de distintos datos, como os do GPS, os sensores (por exemplo, o acelerómetro, o xiroscopio, o magnetómetro e o barómetro) e os sinais das redes de telefonía móbil e wifi. Estes datos poden utilizarse para facer a estimación máis precisa posible da localización, a cal se lles facilita ás aplicacións e aos servizos do dispositivo que teñan os permisos pertinentes. Máis información sobre a configuración de localización do teu dispositivo Android.

Os sinais das redes de telefonía móbil e wifi poden axudarlle a Android a determinar a localización do dispositivo, sobre todo naqueles lugares onde non hai sinal GPS ou ben onde este non é preciso (por exemplo, en zonas urbanas con gran densidade de poboación ou en interiores). A opción Precisión da localización de Google (tamén coñecida como "servizos de localización de Google") é un servizo de Google que se vale destes sinais para mellorar a estimación da localización do dispositivo.

Co fin de ofrecer esta localización máis precisa, cando está activada a opción Precisión da localización de Google, esta recompila de xeito periódico información de localización do teu dispositivo Android (entre outras cousas, datos do GPS e sobre os puntos de acceso wifi, as redes de telefonía móbil e os sensores do dispositivo), para o cal utiliza un identificador de dispositivos rotativo e temporal que non está asociado a ningunha persoa en concreto. Esta opción de configuración usa estes datos para mellorar a precisión da localización e ofrecer servizos baseados nesta (por exemplo, a través da creación de mapas de puntos de acceso wifi e torres de redes de telefonía móbil por medio de crowdsourcing).

Podes desactivar Precisión da localización de Google cando queiras na configuración de localización do dispositivo Android. Aínda que esta opción estea desactivada, seguirá funcionando a localización do teu dispositivo Android, se ben este se baseará unicamente nos datos do GPS e nos seus sensores para determinar a súa localización.

Como coñece Google a miña localización?

En función dos produtos que utilices e da configuración que escollas, Google pode valerse de distintos tipos de información de localización para tratar de que algúns dos servizos e produtos que usas che resulten máis útiles.

Esta información de localización pode provir de sinais en tempo real (por exemplo, o teu enderezo IP) ou do dispositivo, así como dos datos que teñas gardados acerca da túa actividade en sitios e servizos de Google. A continuación, mostrámosche as principais formas nas que Google pode obter información sobre a túa localización.

A partir do teu enderezo IP

Un enderezo IP, tamén denominado "enderezo do protocolo de Internet", é un número que o fornecedor de servizos de Internet asigna ao teu ordenador ou dispositivo. Os enderezos IP úsanse para establecer a conexión entre os teus dispositivos e os sitios web e servizos que utilizas.

Como moitos outros servizos de Internet, Google pode utilizar información sobre a zona xeral na que te atopas para prestarche algúns servizos básicos (por exemplo, para ofrecerche resultados relevantes se fas unha busca a fin de informarte da hora ou para protexer a túa conta mediante a detección de actividade pouco común, como un inicio de sesión desde unha localidade diferente da túa).

Recordatorio: Os dispositivos precisan un enderezo IP para enviar e recibir tráfico de Internet. Os enderezos IP baséanse a grandes trazos na localización xeográfica. En consecuencia, calquera aplicación, servizo ou sitio web que utilices (tamén google.com) podería deducir e usar algunha información sobre a zona xeral na que te encontras a partir do teu enderezo IP.

A partir da túa actividade gardada

Se tes a sesión iniciada na túa Conta de Google e tes activada a opción de configuración Actividade web e das aplicacións, os datos da túa actividade nos sitios, aplicacións e servizos de Google pódense gardar nese axuste da túa conta. Parte da actividade pode incluír información sobre a zona xeral na que te atopabas ao usar o servizo de Google en cuestión. Ao usar unha zona xeral para buscar algo, utilizarase unha superficie que mida polo menos 3 km² ou ampliarase ata que a zona represente as localizacións de 1000 persoas como mínimo. Deste xeito, protéxese a túa privacidade.

Nalgúns casos, as zonas desde as que fixeches buscas anteriormente poden usarse para estimar unha localización relevante para a túa busca. Por exemplo, se estás en Ourense e buscas churrascarías, Google podería mostrarche resultados de Ourense en futuras buscas.

Podes ver e controlar a información da opción de configuración Actividade web e das aplicacións en A miña Actividade.

Se non tes a sesión iniciada na túa Conta de Google, poderemos almacenar algunha información de localización que se utilizou para buscas anteriores realizadas desde o dispositivo que estás usando a fin de axudarche a obter resultados e recomendacións máis relevantes. Se desactivas Personalización da busca, Google non utilizará a actividade de busca anterior para determinar a túa localización. Máis información acerca de como realizar buscas e navegar de forma privada.

A partir dos enderezos particular e do traballo que teñas gardados

Podes gardar na túa Conta de Google lugares que sexan importantes para ti, como a túa casa ou o teu traballo. Se defines os teus enderezos da casa ou do traballo, pódense usar para axudar a que fagas cousas máis facilmente, como obter indicacións ou atopar resultados máis próximos á túa casa ou ao traballo, e para mostrarche anuncios máis útiles.

Podes editar ou eliminar os enderezos particular e do traballo cando queiras desde a túa Conta de Google.

A partir do teu dispositivo

Como usan as aplicacións de Google a localización do teu dispositivo?

Os dispositivos teñen opcións de configuración ou permisos que podes utilizar para controlar se as aplicacións (entre elas as de Google, como a Busca e Maps) teñen acceso á túa localización precisa. Este tipo de localización precisa resulta práctica nalgunhas aplicacións, como Google Maps, para darche indicacións ou para axudarche a obter resultados de busca útiles nas proximidades. Por exemplo, accederás a resultados de busca máis relevantes cando procures, por exemplo, lugares da zona ou información meteorolóxica se tes activados os permisos ou as opcións de configuración da localización precisa.

iOS e Android teñen opcións de configuración que permiten controlar os permisos de localización das aplicacións e que podes activar ou desactivar. Podes deixar que as aplicacións usen a túa localización para proporcionarche funcións e servizos baseados nela. Ten en conta que ás veces é necesario que as aplicacións almacenen temporalmente a túa localización precisa para poder ofrecerche resultados útiles de forma rápida ou aforrar batería ao non ter que actualizar continuamente a localización.

Algunhas aplicacións (por exemplo, Localizar o meu dispositivo) e certas funcións (como Compartir localización) requiren acceso en segundo plano á localización do teu dispositivo.

Se che interesa, podes obter máis información sobre como funciona a localización no teu dispositivo Android.

Como se gardan datos na miña Conta de Google coas opcións Historial de localización e Actividade web e das aplicacións?

Ao longo dos próximos meses e durante 2024, cambiará a opción de configuración Historial de localización. Quen nestes momentos use a opción Historial de localización recibirá unha notificación cando este cambio lle afecte á súa conta e, a partir de entón, comezará a ver o nome Cronoloxía na configuración da aplicación e a conta. No caso dos usuarios que xa estean utilizando Cronoloxía, entre eles os que activaron a función directamente, a información que se facilita nesta páxina acerca dos datos de localización almacenados na opción Historial de localización aplícase ao seu uso de Cronoloxía. Máis información.

Historial de localización e Actividade web e das aplicacións

Historial de localización e Actividade web e das aplicacións son dúas opcións de configuración da Conta de Google que utilizan a localización. A seguir, ofrecémosche unha descrición xeral de cada unha delas. Recorda que hai outras funcións ou produtos que tamén poden recompilar ou almacenar información de localización.

Historial de localización

Se activas a opción de configuración Historial de localización, engadirase información á función Cronoloxía, un mapa persoal que axuda a que lembres os lugares nos que estiveches, así como as rutas e os traxectos que fixeches.

A opción Historial de localización está desactivada de forma predeterminada. Se a activas, cada certo tempo gardarase a localización precisa de todos os dispositivos móbiles que cumpran os requisitos pertinentes e que teñan activada a opción de configuración Informes de localización. A localización destes dispositivos empregarase para crear a túa Cronoloxía aínda que non uses as aplicacións de Google.

A fin de que as experiencias de Google resulten máis útiles para todo o mundo, a opción Historial de localización pode utilizarse cos seguintes obxectivos:

  • mostrar información baseada en datos de localización anonimizados (por exemplo, as horas punta e estatísticas ambientais)
  • detectar e evitar fraudes e usos inadecuados
  • mellorar e desenvolver os servizos de Google, entre eles os produtos publicitarios

A opción de configuración Historial de localización tamén pode axudar ás empresas a calcular a probabilidade de que os usuarios visiten as súas tendas debido a un anuncio.

Podes revisar, editar e eliminar en calquera momento os datos que se gardan en Cronoloxía. Para comprobar se activaches a opción de configuración Historial de localización, accede a Controis de actividade. Alí poderás axustar a opción de configuración Historial de localización e controlar os dispositivos que indican a súa localización.

A frecuencia coa que se recompila a túa localización precisa no marco da opción Historial de localización non sempre é a mesma. Por exemplo, se estás usando a navegación en Google Maps, podería recompilarse varias veces por minuto. En troques, se non estás usando o teléfono de maneira activa, esa información podería recollerse unha vez cada poucas horas.

O tempo durante o que se gardan os datos da opción Historial de localización depende da túa configuración. Podes escoller que se eliminen automaticamente unha vez transcorridos 3, 18 ou 36 meses, ou ben conservalos ata que os elimines.

Importante

Se desactivas a opción Historial de localización:

  • Google seguirá almacenando os datos da opción de configuración Historial de localización gardados ata que os elimines, ou ben ata que remate o período de tempo que selecciones na configuración da función Eliminación automática.
  • Desactivar a opción Historial de localizacións non inflúe en como gardan ou usan a información de localización a opción de configuración Actividade web e das aplicacións ou outros produtos de Google (por exemplo, en función do teu enderezo IP). É posible que sigas tendo outras opcións de configuración que garden información de localización.

Para comprobar se activaches a opción de configuración Historial de localización, accede a Controis de actividade. Máis información.

Actividade web e das aplicacións

Os datos da opción de configuración Actividade web e das aplicacións úsanse para personalizar máis a túa experiencia en Maps, na Busca e noutros servizos de Google. Tamén poden utilizarse para mostrarche anuncios máis relevantes, en función da túa configuración de anuncios. Actividade web e das aplicacións funcionará en todos os dispositivos nos que teñas a sesión iniciada na túa conta.

Ao activar Actividade web e das aplicacións, Google garda datos sobre o que fas nos servizos de Google nesa opción de configuración da túa conta. Eses datos inclúen información asociada, como a zona xeral na que usaches un servizo de Google.

Por exemplo, se procuras información meteorolóxica e obtés resultados relacionados cunha localización que enviou o dispositivo, esta actividade, dentro da que se engloba a zona xeral na que se encontraba o dispositivo cando fixeches a busca, gárdase en Actividade web e das aplicacións. Non se almacena a localización precisa que enviou o dispositivo, só a zona xeral da localización. A localización gardada, que pode utilizarse para axudarlle a Google a determinar unha localización máis relevante nas próximas buscas que fagas, pode provir do enderezo IP ou do dispositivo. Esta localización gardada elimínase de xeito automático de Actividade web e das aplicacións ao cabo de 30 días.

Os datos de Actividade web e das aplicacións axudan a que Google comprenda que zonas xerais son relevantes para ti e inclúa resultados desas zonas cando realices accións como facer buscas.

Podes consultar e eliminar a información de localización e outros datos gardados a través de Actividade web e das aplicacións, así como desactivar esta opción de configuración, desde Controis de actividade. Se desactivas Actividade web e das aplicacións, deixarán de gardarse os datos da actividade que leves a cabo a partir de entón.

Importante

Se desactivas a opción de configuración Actividade web e das aplicacións

  • É posible que sigas tendo actividade gardada, que se pode usar ata que a elimines. Podes facelo en calquera momento. A túa información de localización gardada continúa eliminándose automaticamente ao cabo de 30 días.
  • Desactivar a opción Actividade web e das aplicacións non inflúe en como gardan ou usan a información de localización outras opcións de configuración (por exemplo, Historial de localización). É posible que sigas tendo gardados outros tipos de información de localización como parte doutras opcións de configuración, incluídos os enderezos IP.

Para comprobar se activaches a opción de configuración Actividade web e das aplicacións, accede a Controis de actividade. Máis información

Como utiliza Google a información de localización anónima ou identificada por medio dun seudónimo?

Google utiliza información de localización anonimizada e seudonimizada para incrementar a privacidade dos usuarios. Polo xeral, a información anonimizada non pode asociarse a ningunha persoa. Os datos seudonimizados poden vencellarse a un identificador único, como, por exemplo, unha serie de números, no canto de vincularse a información que permita a identificación persoal en maior medida, como a conta, o nome ou o enderezo de correo electrónico dun usuario. Google pode utilizar a información de localización anonimizada e seudonimizada nos seus produtos e servizos con fins relacionados coa publicidade ou coas tendencias, entre outros.

Os usuarios poden restablecer determinados seudónimos identificadores vinculados á información de localización. Por exemplo, poden facelo restablecendo os identificadores de publicidade nos seus dispositivos Android. Ademais, Google restablece automaticamente determinados seudónimos identificadores para mellorar a privacidade do usuario (como no caso de Precisión da localización de Google, a opción de configuración do dispositivo que poden controlar os usuarios para mellorar o servizo baseado na localización e a precisión nos seus dispositivos).

Ademais, Google pode utilizar información de localización anonimizada. Por exemplo, os usuarios poden tocar lugares en Google Maps, como un restaurante ou un parque, e acceder a tendencias deses lugares nunha zona. A información de localización que se utiliza para crear tendencias, como as horas punta, non pode usarse para identificar ningunha persoa. Se Google non dispón de datos suficientes para facilitar información precisa e anónima sobre a afluencia, non a mostrará.

Google tamén ofrece aos usuarios que non iniciaron sesión outras formas de xestionar a información asociada ao seu navegador ou dispositivo (por exemplo, a opción de configuración Personalización das buscas, as opcións de YouTube e a configuración de anuncios). Máis información

Consulta máis información sobre o uso que fai Google da información de localización na Política de privacidade de Google. Consulta máis información sobre como conserva Google os datos recompilados e como anonimiza Google os datos.

Durante canto tempo retén Google a información de localización?

Na Política de privacidade de Google descríbense as nosas prácticas de retención de datos de usuario (por exemplo, a información de localización que recompila Google). A información de localización recompílase durante distintos períodos de tempo, en función de que información é, como se usa e como axustan os usuarios as opcións de configuración.

Algunha información de localización gárdase na túa Conta de Google ata que a eliminas

  • Controlar a retención e a eliminación: As opcións de configuración Historial de localización e Actividade web e das aplicacións teñen opcións de eliminación automática, que che permiten eliminar datos automaticamente ao cabo de 3, 18 ou 36 meses. Tamén podes ver estes datos en Cronoloxía e en A miña Actividade, e podes eliminar actividades concretas ou datos en bloque segundo as túas preferencias. Sempre podes modificar estas opcións de configuración ou cambiar o axuste de eliminación automática.
  • Gardar información de localización: Dependendo do produto ou servizo de Google, pódese gardar información de localización na túa Conta de Google. Por exemplo, podes etiquetar localizacións en Fotos ou ben engadir o teu enderezo particular ou do traballo en Maps. Podes eliminar a información desta localización.

Cando eliminas datos, Google segue unha política para quitalos da túa conta por completo e de maneira segura de xeito que xa non se poidan recuperar. En primeiro lugar, a actividade que eliminas deixa de mostrarse e xa non se usa para personalizar a túa experiencia en Google. A continuación, Google inicia un proceso deseñado para eliminar por completo e de forma segura os datos dos seus sistemas de almacenamento. Consulta máis información sobre como conserva Google os datos recompilados.

Información que caduca despois dun período determinado

Tal e como se describe en Como conservamos en Google os datos que recompilamos, hai outra información de localización que Google almacena durante un determinado período de tempo antes de eliminala, en lugar de deixar que o fagas ti de xeito manual. O tempo que tarda en eliminarse esta información por completo e de forma segura depende do tipo de datos en cuestión. Así, por exemplo:

  • Google anonimiza os datos almacenados con fins publicitarios nos rexistros dos servidores quitando parte do enderezo IP ao cabo de 9 meses e retirando a información das cookies pasados 18 meses.
  • Google elimina ao cabo de 30 días a localización baseada en IP e a localización do dispositivo de Actividade web e das aplicacións.

Información conservada durante períodos de tempo prolongados con fins limitados

Tal e como se indica na Política de privacidade de Google, "conservamos algúns datos durante períodos máis longos cando sexa necesario para fins lexítimos empresariais ou legais, como por cuestións de seguranza, prevención de fraude e abusos ou ben para manter rexistros financeiros". Máis información sobre as nosas prácticas de retención

Como se utiliza a información de localización para os anuncios?

Para axudar a mostrarche anuncios máis relevantes

Os anuncios que ves poden basearse na túa información de localización. En xeral, os anuncios que se mostran en Google utilizan os mesmos tipos de información de localización que os produtos nos que aparecen. Por exemplo, en función da túa configuración, os anuncios que ves na Busca e noutras plataformas de Google poderían basearse na localización do dispositivo, o enderezo IP, a actividade anterior ou os enderezos particular e do traballo da túa Conta de Google. Ademais, pódense usar metadatos (por exemplo, o fuso horario do navegador, o dominio, o contido da páxina, o tipo de navegador e o idioma da páxina) para facer unha estimación do teu país ou dunha zona xeral que che interese. Google pode basearse nestes metadatos e nos sinais de localización que obtén a partir do teu enderezo IP, VPN, servizo proxy ou outra información de rede.

A información de localización axuda a que os anuncios que se che mostran sexan máis relevantes para a zona na que te atopas ou para as zonas que son relevantes para ti. Por exemplo, se a opción de configuración de localización do teu dispositivo está activada e buscas restaurantes preto de ti en Google, pódese usar a localización actual do teu dispositivo para mostrarche anuncios de restaurantes próximos. A túa localización tamén pode utilizarse para mostrarche a distancia á que se atopan as empresas próximas como parte dos anuncios que se che amosan en Google.

Google tamén pode utilizar a túa actividade anterior de navegación ou nas aplicacións (por exemplo, as buscas que fixeches, os sitios web que visitaches ou os vídeos que viches en YouTube) e as zonas xerais gardadas no marco da opción de configuración Actividade web e das aplicacións para mostrarche anuncios máis útiles. Por exemplo, se buscas en Google onde comprar leite nas proximidades, pode que vexas anuncios de supermercados situados na zona xeral desde a que adoitas consultar a Busca de Google mentres agardas polo autobús ou polo tren.

Os anunciantes só poden usar zonas xerais (por exemplo, países, cidades ou zonas próximas á súa empresa) para segmentar os anuncios.

Para obter máis información sobre a nosa Rede de display, accede ao Centro de Axuda.

Para axudarlles aos anunciantes a medir o rendemento

Google tamén pode usar a información de localización para facer estatísticas e medicións co obxectivo de comprender como se utilizan os seus servizos. ​Por exemplo, se escolliches activar a opción de configuración Historial de localización, Google usa estes datos para axudar a que os anunciantes estimen se é probable que os usuarios visiten as súas tendas debido aos anuncios en liña. Só se comparten cos anunciantes estimacións anónimas, non información persoal. Para iso, Google conecta os teus datos de actividade en liña (por exemplo, os clics en anuncios) cos datos da opción de configuración Historial de localización relacionados coas tendas dos anunciantes. Os teus datos de Historial de localización non se comparten cos anunciantes.

Para mellorar os produtos e servizos de Google

Google tamén usa a información de localización para mellorar os seus produtos publicitarios. Por exemplo, os datos que se gardan na túa conta sobre os anuncios cos que interactúas, como a zona xeral da actividade en cuestión, poden agregarse e usarse en modelos de aprendizaxe automática que melloren as ferramentas de Smart Bidding. Os datos da túa conta non se comparten cos anunciantes.

Como controlo a forma na que se utiliza a miña información de localización para mostrar anuncios?

É posible controlar como as zonas xerais nas que utilizaches sitios e aplicacións de Google no pasado poden influír nos anuncios que ves. Para iso, accede ao control Zonas nas que usaches Google en O meu centro de anuncios.

Cando está activada a opción Zonas nas que usaches Google

Se tes activadas as opción de configuración Personalización de anuncios e Zonas nas que usaches Google, Google usará os datos gardados con Actividade web e das aplicacións relacionados coas zonas xerais nas que usaches os sitios e aplicacións de Google para personalizar os anuncios que se che mostran.

Cando está desactivada a opción Zonas nas que usaches Google

Se tes desactivadas as opcións de configuración Personalización de anuncios ou Zonas nas que usaches Google, Google non usa os datos gardados con Actividade web e das aplicacións relacionados coas zonas xerais nas que usaches os sitios e aplicacións de Google para personalizar os anuncios que se che mostran. Aínda que teñas desactivada a opción Zonas nas que usaches Google, é posible que vexas anuncios baseados na túa localización actual e nos lugares que definiches como enderezo particular ou do traballo na túa Conta de Google.

Ademais, aínda que teñas a sesión pechada, Google pode utilizar a localización actual do teu enderezo IP ou do dispositivo para mostrarche anuncios en función da configuración do dispositivo e da aplicación en cuestión.

Se queres, podes obter máis información sobre como activar e desactivar os anuncios personalizados cando tes a sesión pechada.

Aplicacións de Google
Menú principal