Aquí poderás atopar respostas a algunhas das principais preguntas que nos fan acerca da privacidade (por exemplo, que son os datos?) Se queres obter máis información, bótalle tamén unha ollada á Política de privacidade.
A túa privacidade en Google
A túa localización
Coñece Google a miña localización?
Sempre que usas Internet, as aplicacións e os sitios poden calcular máis ou menos onde te atopas, e o mesmo pasa con Google. Google tamén pode determinar a túa localización precisa, en función da configuración do dispositivo (consulta Como de precisa é a miña localización?).
Cando buscas contido en Google (por exemplo, coa Busca, Maps ou o Asistente), é posible que se utilice a localización na que te encontras para ofrecerche resultados máis útiles. Por exemplo, se buscas restaurantes, o máis probable é que os resultados máis útiles sexan os que che mostren establecementos preto de ti.
Como podo activar e desactivar a localización?
Cando fas buscas nos nosos servizos, Google sempre calcula a zona xeral desde a que levas a cabo esa actividade. Google, como calquera outra aplicación ou sitio web con conexión a Internet que utilices, pode calcular a túa localización a partir do enderezo IP do teu dispositivo. Para obter máis información, consulta Como sabe Google onde estou?.
Podes activar ou desactivar os permisos de localización do teu dispositivo, así como os de aplicacións e sitios concretos, e así escoller se enviar ou non a túa localización precisa cando utilizas Google.
Se defines o teu enderezo particular ou o do traballo e Google determina que estás na casa ou no centro laboral, utilizarase o enderezo pertinente exacto para os efectos da túa busca.
Como de precisa é a miña localización?
A túa zona xeral
Cando fas buscas nos nosos servizos, Google sempre calcula a zona xeral desde a que levas a cabo esa actividade. Deste xeito, podemos ofrecerche resultados relevantes e protexer a túa conta mediante a detección de actividade pouco común, como un inicio de sesión desde unha cidade distinta da habitual.
Unha zona xeral ten máis de 3 quilómetros cadrados e polo menos 1000 usuarios, de tal forma que non se te poida identificar cando fagas unha busca, o que contribúe a protexer a túa privacidade.
A túa localización precisa
Se lle dás permiso, Google poderá utilizar a túa localización precisa. Por exemplo, necesitaremos esa información a fin de poder mostrarche os resultados máis relevantes cando fagas buscas como "xeado preto de min" ou co obxecto de ofrecerche indicacións paso a paso para ir a pé a unha tenda.
A localización precisa é o lugar exacto onde estás (por exemplo, un enderezo concreto).
Como coñece Google a miña localización?
A información da túa localización provén de distintas fontes, que se utilizan de forma conxunta para calcular onde te atopas.
O enderezo IP do teu dispositivo
Os enderezos IP están relacionados cunha localización xeográfica aproximada, de forma semellante aos prefixos telefónicos. En consecuencia, calquera aplicación ou sitio web que utilices, como google.com, poderá calcular a zona xeral na que te atopas polo teu enderezo IP. O teu fornecedor de servizos de Internet asígnalle ao teu dispositivo o seu enderezo IP, que é necesario para utilizar a Rede.
A localización do teu dispositivo
Se lle dás permiso a unha aplicación ou sitio de Google para acceder á localización do teu dispositivo, esa información pode utilizarse para axudar a determinar onde te atopas. Case todos os dispositivos contan cunha opción de localización integrada no sistema operativo, polo xeral na configuración.
A túa actividade en Google
Google pode calcular a zona xeral na que te atopas a partir das buscas que fixeches con anterioridade nos seus servizos. Por exemplo, se buscas a miúdo "pizza en Bombai", é probable que che interese ver resultados relacionados con esa cidade.
Os teus lugares etiquetados
Se defines o teu enderezo particular ou o do traballo, Google pode utilizalos para calcular onde te atopas. Por exemplo, se defines o teu enderezo particular e, segundo o teu enderezo IP, a túa actividade anterior ou outras fontes de información de localización, semella que podes estar preto da casa, utilizaremos ese enderezo como a túa localización aproximada.
Quen pode ver a miña localización?
Ti elixes. Se utilizas a función Compartir localización desde Google, podes compartir a túa localización en tempo real con amizades e familiares a través dos nosos sitios e aplicacións.
Comprobar se estás compartindo a localización
A opción Compartir localización está desactivada de forma predeterminada. Se queres compartir a túa localización en tempo real, debes escoller o usuario ao que lle queres facilitar esa información e decidir durante canto tempo queres que teña acceso a ela, ademais de confirmar estas accións. Podes deixar de compartir a localización cando queiras.
Consulta Como compartir a localización en tempo real con outros usuarios?.
Compartir contido en Google
Que poden ver os demais usuarios cando comparto contido en Google?
A información que os demais usuarios poden ver sobre ti nas aplicacións e nos sitios de Google depende do que compartas e de como o compartas:
Compartir contido publicamente
Se realizas contribucións en aplicacións como Google Maps, os outros usuarios poderán ver o teu nome e a túa imaxe. Por exemplo, se valoras a túa xeadaría favorita, os demais usuarios poderán ver a túa valoración, o teu nome e a túa imaxe se consultan ese establecemento en Google Maps.
Compartir contido de forma privada
Se compartes contido con outro usuario (por exemplo, fotos, vídeos e documentos), a persoa á que llo mandes poderá ver o teu nome e imaxe, ademais do que lle envíes.
Antes de compartir contido con outro usuario, pénsao ben e reflexiona acerca do nivel de acceso que lle estás dando a esa persoa. Por exemplo, se compartes con alguén o acceso a cartafoles de Google Drive ou a álbums de Google Fotos, entre outras cousas, pode que esa persoa siga tendo acceso ao novo contido que engadas no futuro a eses directorios.
Quen pode ver o contido que comparto (por exemplo, fotos, vídeos e documentos)?
Podes decidir compartir determinado contido con outras persoas a través das aplicacións e dos sitios de Google que utilizas.
Ten en conta que, cando compartes contido, é posible que outras persoas o volvan compartir, mesmo en aplicacións e sitios que non pertencen a Google.
Podes eliminar o teu propio contido da túa conta cando queiras, pero con esta acción non se eliminarán as copias que xa compartises.
Ten sentidiño co que compartes e faino só con persoas nas que confíes.
Algunha vez comparte Google a miña información persoal con outras persoas?
Non compartimos a túa información persoal con empresas, organizacións nin persoas físicas externas a Google agás en determinados casos concretos (por exemplo, cando temos a obriga legal de facelo).
Se tes unha Conta de Google a través do teu centro educativo (unha conta de Google Workspace for Education), o administrador encargado de xestionala terá acceso á túa información.
Acceso por parte dos administradores de centros educativos
O administrador do teu centro educativo pode levar a cabo as seguintes accións en relación coa túa conta de Google Workspace for Education:
- Consultar e gardar a información almacenada na túa conta (por exemplo, o teu correo electrónico)
- Consultar estatísticas relacionadas coa túa conta (por exemplo, o número de aplicacións que instalas)
- Cambiar o contrasinal da túa conta
- Suspender ou cancelar o acceso á túa conta
- Obter información da túa conta para cumprir coa lexislación e coas normativas vixentes, ou para atender as necesidades dun proceso legal ou un requirimento gobernamental aplicable
- Limitar a túa capacidade para eliminar ou editar a túa información ou a configuración de privacidade
Por que podería compartir Google a túa información?
Porque nos dás permiso
Por exemplo, se utilizas o Asistente de Google para pedir unha pizza, pedirémosche permiso antes de compartir o teu nome ou número de teléfono co restaurante. Consulta Como che axuda Google a compartir datos con aplicacións e servizos de terceiros de forma segura?.
Para os fins descritos anteriormente en relación cos administradores de dominios
Para o seu tratamento externo: facilitámoslles información persoal a empresas que colaboran connosco no tratamento de datos conforme as instrucións que lles damos. Por exemplo, contratamos empresas externas para que nos axuden co servizo de atención ao cliente e temos que compartir información persoal con elas para que poidan responder as preguntas dos usuarios.
Por cuestións legais
Compartiremos información persoal con organizacións externas a Google se consideramos que podería ser necesario para o seguinte:
- Cumprir coa lexislación e coas normativas vixentes, ou atender as necesidades dun proceso legal ou un requirimento gobernamental aplicable.
- Aplicar as condicións de servizo pertinentes (por exemplo, investigar posibles infraccións).
- Detectar, previr ou solucionar dalgunha outra forma fraudes e incidencias técnicas ou de seguranza.
- Protexer os dereitos, a propiedade ou a seguranza de Google, dos nosos usuarios ou do público en xeral na medida esixida ou permitida pola lexislación aplicable.
Datos e personalización
Que datos recompila Google acerca de min?
Cando utilizas as aplicacións e os sitios de Google, recompilamos a información que necesitamos para ofrecerche os nosos servizos, para facer que che resulten máis útiles e por outros motivos que se explican na sección Por que recompila datos Google?.
A través da configuración, podes limitar os datos que recompilamos e os usos que se lles dan. Por exemplo, se non queres que gardemos o teu historial de YouTube na túa Conta de Google, podes desactivar a opción correspondente. Consulta o apartado Como podo escoller o que garda Google?.
Que son os datos?
A túa información persoal está formada por aqueles detalles que nos facilitas e que serven para identificarte, como o teu nome ou enderezo de correo electrónico. Neste concepto tamén se engloban outros datos que Google pode vincular de forma razoable contigo, como a información que asociamos á túa persoa na túa Conta de Google.
Dentro da túa información persoal inclúense dous tipos de datos:
A información que facilitas e o contido que creas
Cando creas unha Conta de Google, facilítasnos información persoal, como o teu nome e un contrasinal.
Tamén podes gardar o contido que creas, cargas ou recibes doutros usuarios (por exemplo, mensaxes de correo electrónico e fotos).
A túa actividade en Google
Para poder ofrecerche unha mellor experiencia, recompilamos información acerca da actividade que levas a cabo nos nosos servizos, como, por exemplo, os termos que buscas e os vídeos que ves, as persoas coas que te comunicas ou compartes contido, e o historial de navegación de Chrome.
Recompilamos información sobre as aplicacións, os navegadores e os dispositivos que utilizas para acceder aos servizos de Google, o cal nos axuda a ofrecerche funcións como a de atenuar a pantalla se che queda pouca batería.
Tratamos información relativa á túa localización (por exemplo, cando utilizas funcións como as indicacións paso a paso). Para obter máis información, consulta a sección Localización.
Por que recompila datos Google?
Recompilamos a información que necesitamos para ofrecerche os nosos servizos, para facer que che resulten máis útiles e por outros motivos que se explican máis abaixo (sección Para que utilizamos os datos?).
Por exemplo, Google Maps pode axudarche a chegar a onde te dirixes e a evitar o tráfico porque combina información sobre onde estás (os teus datos) con datos públicos (información sobre lugares públicos e mapas).
Para que utilizamos os datos?
Ofrecer os nosos servizos
Utilizamos os datos para ofrecer os nosos servizos (por exemplo, para procesar os termos que buscas a fin de mostrarche resultados).
Manter e mellorar os nosos servizos
Os datos axúdannos a manter e mellorar os nosos servizos. Por exemplo, grazas a eles podemos facer un seguimento dos fallos do servizo. Así mesmo, permítennos saber cales son os termos de busca que se escriben incorrectamente con máis frecuencia, o que nos axuda a mellorar as funcións do corrector ortográfico que se usan nos nosos servizos.
Desenvolver novos servizos
Os datos axúdannos a desenvolver novos servizos. Por exemplo, o feito de comprender como organizaban os usuarios as súas fotos en Picasa, a primeira aplicación de fotos de Google, axudounos a deseñar e lanzar Google Fotos.
Ofrecer servizos personalizados, como contidos e anuncios
Utilizamos os datos para ofrecerche contido personalizado (por exemplo, recomendacións de vídeos que poderían gustarche). En función da túa configuración e da túa idade, poderemos mostrarche anuncios personalizados baseados nos teus intereses.
Medir o rendemento
Tamén utilizamos os datos para medir o rendemento e entender como se utilizan os nosos servizos
Comunicarnos contigo
Se detectamos algunha actividade sospeitosa, poderiamos utilizar o teu enderezo de correo electrónico para enviarche unha notificación
Protexer a Google, os nosos usuarios e o público
Utilizamos os datos para protexer as persoas cando utilizan Internet (por exemplo, para detectar e previr fraudes)
Como utiliza Google os datos para personalizar a miña experiencia?
A personalización consiste na utilización da información que recompilamos para adaptar as nosas aplicacións e sitios ás túas preferencias. Grazas a este proceso, podemos ofrecerche, por exemplo:
- recomendacións de vídeos que poderían gustarche
- consellos de seguranza adaptados ao uso que fas das aplicacións e dos sitios de Google (consulta Revisión de seguranza)
Tamén utilizamos os datos para personalizar os anuncios, agás naqueles casos en que a opción de configuración estea desactivada ou para certas idades.
Personaliza Google os anuncios que vexo?
Tentamos facer que os anuncios que mostramos sexan o máis útiles posible. Non obstante, non personalizamos os anuncios que ven os usuarios de certas idades nin aqueles que teñen desactivada a opción Personalización de anuncios.
Aínda así, podemos facer que os anuncios lles resulten útiles aos usuarios, mesmo sen personalizalos. Por exemplo, se estás nunha páxina de resultados para a busca "zapatos novos", pode que vexas un anuncio dunha empresa de zapatillas deportivas. Ese anuncio pode basearse en factores xerais, como a hora do día, a localización xeral e o contido da páxina na que te atopas.
Ti tes o control
Como podo escoller o que garda Google na miña conta?
Cando utilizas un servizo de Google (por exemplo, Fotos), algunhas opcións de configuración permítenche decidir cousas como se queres facer unha copia de seguranza das túas fotos e sincronizalas.
Tamén tes á túa disposición distintas opcións de configuración que che axudan a personalizar a túa experiencia nas aplicacións e nos sitios de Google. Dúas das máis importantes son as opcións Actividade web e das aplicacións e Historial de YouTube.
Cando están activados estes controis:
- A información sobre a actividade que levas a cabo nos nosos sitios e aplicacións gárdase na túa Conta de Google
- A información gardada utilízase para personalizar a túa experiencia en Google
Actividade web e das aplicacións
Nesta opción gárdase a actividade que levas a cabo en sitios e aplicacións de Google (por exemplo, a Busca ou Maps) e inclúese información asociada, como a localización. Tamén se garda o historial sincronizado de Chrome e a actividade procedente de sitios, aplicacións e dispositivos que utilizan os servizos de Google.
A túa actividade utilízase para ofrecerche buscas máis rápidas, mellores recomendacións e experiencias máis personalizadas en Maps, na Busca e noutros servizos de Google.
Historial de YouTube
Nesta opción gárdanse os vídeos que ves e as buscas que fas cando utilizas YouTube.
O teu historial de YouTube utilízase para personalizar a túa experiencia nesta plataforma e outras aplicacións (por exemplo, os resultados de busca).
Como elimino os datos de A miña actividade?
Podes eliminar os datos que están gardados na túa Conta de Google. Os datos que decidas eliminar de forma permanente quítanse dos nosos sistemas. Seguimos un coidadoso proceso para asegurarnos de que estes datos se quiten por completo dos nosos servidores ou se conserven unicamente nun formulario que non poida asociarse contigo.
Visita A miña actividade para revisar a actividade que está gardada na túa Conta de Google (por exemplo, o contido que buscaches, liches e viches). Podes eliminar determinados datos ou toda a actividade comprendida nun intervalo de tempo concreto.
Así mesmo, podes escoller que a túa actividade se elimine de forma automática.
Como descargo o meu contido?
O teu contido son os teus correos electrónicos, fotos, vídeos, documentos, follas de cálculo, comentarios, contactos e eventos do calendario, entre outras cousas.
Se queres crear un arquivo co teu contido (xa sexa para facer unha copia de seguranza ou para levalo a outra empresa, no caso de que queiras probar un servizo diferente), visita Descargar os teus datos.
De que controis dispoño cando teño a sesión pechada?
Mesmo cando tes a sesión pechada, dispós de distintos controis que che permiten escoller como funcionará Google. Cando teñas a sesión pechada, visita g.co/privacytools para cambiar estas opcións de configuración:
Personalización da busca
Esta opción permite que se utilicen as buscas que fas en Google desde este navegador para ofrecerche resultados e recomendacións máis relevantes.
Historial de busca e de visualización de YouTube
Esta opción permite que se utilicen os datos da actividade que levas a cabo en YouTube (por exemplo, os vídeos que ves e as buscas que fas) para personalizar a túa experiencia nesta plataforma.
Tamén podes bloquear algunhas ou todas as cookies do teu navegador, pero, se o fas, poderían deixar de funcionar algunhas funcións da Web. Por exemplo, en moitos sitios web é obrigatorio ter as cookies activadas para poder iniciar sesión.
Os usuarios que teñan a sesión pechada tamén poden escoller se queren ver anuncios personalizados. Con todo, non personalizamos anuncios para certas idades.