Condicións de servizo adicionais de Google Maps/Google Earth
Data da última modificación: xullo de 2022
Para utilizar Google Maps ou Google Earth, debes aceptar 1) as Condicións de servizo de Google e 2) estas Condicións de servizo adicionais de Google Maps/Google Earth (as "Condicións adicionais de Maps/Earth"), nas que se incorporan por referencia os Avisos legais e as API correspondentes a estes servizos.
Le atentamente todos estes documentos. En conxunto, estes documentos denomínanse "Condicións" e neles estipúlase o que podes esperar de nós ao utilizar os nosos servizos, así como o que nós esperamos de ti.
Se utilizas as funcións exclusivas de comerciantes de Google Maps para xestionar o teu Perfil de empresa, o seu uso rexerase polas Condicións de Perfil de empresa en Google, dispoñibles en https://support.google.com/business/answer/9292476.
Aínda que non forma parte destas Condicións, recomendámosche que leas a nosa Política de privacidade para entender mellor como podes modificar, xestionar, exportar e eliminar a túa información.
Licenza. Sempre e cando cumpras estas Condicións, as Condicións de servizo de Google ofrécenche unha licenza para utilizar Google Maps/Google Earth, que inclúe funcións que che permiten facer o seguinte:
Ver e anotar mapas.
Crear ficheiros KML e capas de mapa.
Mostrar publicamente o contido cunha atribución axeitada en liña, en vídeo e en papel.
Na páxina de permisos Uso de Google Maps, Google Earth e Street View, podes consultar máis detalles sobre o que se che permite facer con Google Maps/Google Earth.
Conduta prohibida. Se queres ter a licenza necesaria para utilizar Google Maps/Google Earth, debes cumprir co indicado nesta sección 2. Ao utilizar Google Maps/Google Earth, non podes realizar as accións descritas a continuación (nin debes permitir que outros as fagan no teu nome):
Redistribuír ou vender partes de Google Maps/Google Earth nin crear un produto ou servizo novo baseado en Google Maps/Google Earth (a menos que uses a API de Google Maps/Google Earth de acordo coas súas Condicións de servizo).
Copiar o contido (agás que teñas permiso para facelo segundo a páxina de permisos Uso de Google Maps, Google Earth e Street View ou a lexislación aplicable de propiedade intelectual, incluído o "uso lexítimo").
Descargar en masa ou crear feeds masivos do contido (ou permitir que o faga outra persoa).
Usar Google Maps/Google Earth para crear ou aumentar calquera outro conxunto de datos relacionado con mapas (por exemplo un conxunto de datos de navegación ou de mapas, fichas de empresa, bases de datos, listas de distribución ou listas de telemárketing) para o seu uso nun servizo que sexa un substituto de Google Maps/Google Earth ou sexa moi parecido a el.
Usar calquera parte de Google Maps/Google Earth con produtos ou servizos doutras persoas relacionados coa navegación en tempo real ou o control autónomo de vehículos, agás mediante unha función específica proporcionada por Google (por exemplo, Android Auto).
Condicións reais: asunción de riscos. Cando uses datos de mapas, tráfico, indicacións e outros contidos de Google Maps/Google Earth, poderás observar que as condicións reais difiren dos resultados do mapa e do contido, así que terás que aplicar o teu criterio persoal e usar Google Maps/Google Earth baixo a túa responsabilidade. Ti es responsable en todo momento da túa conduta e das súas consecuencias.
Os teus contidos en Google Maps/Google Earth. Os contidos que cargues, envíes, almacenes ou recibas a través de Google Maps/Google Earth estarán suxeitos ás Condicións de servizo de Google, incluída a licenza da sección titulada Permiso para utilizar o teu contido. Se resides en Francia, aos contidos que compartas publicamente na Busca de Google aplicaránselles as Condicións de servizo adicionais da Busca de Google. Con todo, os contidos que son exclusivamente locais no teu dispositivo (como un ficheiro KML almacenado localmente) non se cargan nin se envían a Google e, polo tanto, non están suxeitos a esa licenza.
Usuarios gobernamentais. Se empregas os nosos servizos en nome dunha entidade gobernamental, aplícanse as seguintes condicións:
Lexislación aplicable.
No caso de entidades gobernamentais municipais ou estatais dos Estados Unidos e da Unión Europea, non se aplicará a sección das Condicións de servizo de Google sobre a lexislación aplicable e a xurisdición.
No caso de entidades gobernamentais federais dos Estados Unidos, a sección das Condicións de servizo de Google sobre a lexislación aplicable e a xurisdición substitúese na súa totalidade polo seguinte:
"As presentes Condicións rexeranse, interpretaranse e aplicaranse segundo a lexislación dos Estados Unidos, sen referencia a conflitos lexislativos. Unicamente na medida permitida pola lexislación federal: (A) aplicaranse as leis do Estado de California (excluídas as normas de conflitos de leis de California) en ausencia de lexislación federal aplicable; e (B) calquera disputa relacionada con estas Condicións ou con Google Maps/Google Earth impugnarase de forma exclusiva nos tribunais federais do Condado de Santa Clara, California, e as partes aceptan a xurisdición persoal neses tribunais".
Dereitos restrinxidos polo Goberno dos Estados Unidos. Todo o acceso ou uso de Google Maps/Google Earth por ou para o Goberno Federal dos Estados Unidos está suxeito á sección "Dereitos restrinxidos polo goberno de EUA" dos Avisos legais de Google Maps/Google Earth.