Historia de como revolucionou Autori o sistema de mantemento de estradas en Finlandia tomando imaxes de Street View

O estado de conservación das estradas, os sinais sen actualizar e as estradas sen iluminación son os problemas máis frecuentes aos que teñen que facer fronte tanto os condutores como os municipios de todo o mundo. Non obstante, Autori, empresa de software finlandesa que se dedica a desenvolver solucións para o mantemento de infraestruturas, atopou a maneira de recompilar e analizar datos a nivel de rúa con máis eficiencia grazas á tecnoloxía Street View de Google Maps.

40 000 km

fotografados

8 millóns

imaxes publicadas

50 millóns

de visualizacións

datos viarios

20

proxectos de captura

Xestión optimizada do mantemento de estradas en Finlandia

Fundada en 1988, Autori proporciona solucións de software como servizo (SaaS) para as autoridades finlandesas encargadas do mantemento de estradas, contratistas e consultores externos encargados de revisar, planificar e coordinar o mantemento das infraestruturas. Manter as estradas en condicións en todo o país leva moito tempo e custa unha fortuna, pero onde outras empresas só vían custos, Autori foi quen de sacar proveito dunha oportunidade única. Usando as súas propias imaxes de Street View e a súa propia solución de SaaS, creou unha ferramenta para xestionar mellor o mantemento de infraestruturas viarias e a toma de decisións en Finlandia.

Necesidade de obter datos con rapidez

Normalmente, as autoridades encargadas do mantemento de estradas teñen que acudir fisicamente a cada estrada para valorar as obras que hai que facer en cada lugar. Este labor require conducir miles de quilómetros e facer numerosas paradas para tomar notas. Isto non só é prexudicial para o medio ambiente, senón tamén custoso, xa que require moitos recursos e leva moito tempo facelo. Así que a necesidade de atopar unha solución dixitalizada e máis respectuosa co medio ambiente levou a Autori a buscar alternativas. Street View foi a primeira solución de visualización a nivel de estrada na que se pensou.

 

Estar ao tanto do mantemento das estradas require compartir frecuentemente unha cantidade considerable de datos con terceiros. Street View dispón de todas as ferramentas necesarias para compartir información máis facilmente entre os usuarios: calquera persoa que teña un smartphone pode usar Street View e non ten que instalar ningún software específico nin iniciar sesión. Ademais, aínda que Street View xa se utilizase no mantemento de estradas, manter ao día os datos foi o máis difícil. Vimos a oportunidade de solucionar o problema integrando Street View co noso software de mantemento de estradas.

-

Ari Immonen, responsable do departamento de Consultoría Dixital de Autori

 

Google Street View: Autori crea mapas das estradas de Finlandia

Traballo conxunto en liña e presencial para garantir a seguridade viaria

A comezos de 2017, Autori empezou a tirar e cargar fotos en 360° das estradas nacionais de Finlandia e empregou a conta de empresa de Google para publicar as imaxes. Desde aquela, a empresa percorreu 40 000 km de estradas nacionais e cargou 8 millóns de imaxes para comezar a xestionar o mantemento de estradas de forma virtual. Ao integrar Street View coas súas solucións de SaaS, conseguiu que as autoridades locais puidesen acceder de forma remota a información actualizada sobre infraestruturas viarias.

Grazas ás imaxes publicadas por Autori en Street View, os informes sobre sinais de tráfico e marcas viarias que faltan ou fochas que hai que arranxar poden cargarse etiquetando as partes que corresponda para que os revisen desde as respectivas oficinas accedendo ao panel de control de Autori. Ao proporcionar unha solución personalizada, Autori tamén permite aos contratistas facer un seguimento e planear os traballos de mantemento que se requiren en cada lugar. Unha vez que rematan as obras de mantemento, os traballadores toman novas imaxes da zona en 360° e cárganas para manter os datos viarios actualizados. Deste xeito, xa non é necesario acudir fisicamente aos lugares para inspeccionalos, o cal permite aforrar tempo, cartos e diminuír a emisión de gases de efecto invernadoiro.

Unha revolución na seguridade viaria a nivel global

Street View permitiu a Autori mellorar o sistema de intercambio de información e de análise de situacións para axudar ás autoridades viarias de Finlandia a diminuír custos e mellorar a eficiencia. Recoñecendo o impacto positivo que podería ter en todo o mundo, Autori está traballando nun modelo estándar que recompile e comparta datos viarios no futuro. Tamén axudou á xente do lugar a diminuír a pegada do carbono tomando fotografías de 1000 km de rutas para peóns e bicicletas. Os usuarios xa poden consultar datos actualizados e percorrer distancias curtas dun xeito máis respectuoso co medio ambiente. Ademais, Autori volverá viaxar este verán para recompilar imaxes de 15 000 km máis de Finlandia, co obxectivo de tomar fotografías de case a metade das estradas nacionais para publicalas en Street View.

O éxito de Autori só é un exemplo das moitas maneiras en que as empresas están usando Street View para resolver problemas complexos. É máis que unha ferramenta de creación de mapas mediante a toma de fotografías e podería supoñer innumerables vantaxes para a túa empresa. Tes todo listo para contar o teu propio caso de éxito con Street View?

Comparte as túas propias imaxes de Street View