Como manexa Google as solicitudes gobernamentais de información dos usuarios
Axencias gobernamentais de todo o mundo solicitan a Google que revele información dos usuarios. Revisamos coidadosamente todas as solicitudes para asegurarnos de que cumpran coas leis aplicables. Se unha solicitude esixe demasiada información, intentamos reducir o volume desta e, nalgúns casos, negámonos a ofrecer información. Compartiremos o número e tipo de solicitudes que recibimos no noso informe de transparencia.
A maneira na que respondemos as solicitudes depende do teu fornecedor de servizo de Google (na maioría dos nosos servizos trátase de Google LLC, unha empresa dos EUA que opera conforme á lexislación dese país, ou Google Ireland Limited, unha empresa irlandesa que opera de acordo coas leis irlandesas). Para saber cal é o teu fornecedor de servizo, consulta as Condicións de servizo de Google ou contacta co administrador da túa Conta de Google para saber se está xestionada por unha organización.
Cando recibamos unha solicitude dunha axencia gobernamental, enviaremos un correo electrónico á conta do usuario antes de revelar a información. Se a conta está xestionada por unha organización, enviaremos un aviso ao administrador da conta.
Non enviaremos ningún aviso en caso de que estea prohibido legalmente conforme ás condicións da solicitude. Enviarémolo en canto se levante a prohibición legal, por exemplo, cando caduque un período de segredo de sumario establecido por orde xudicial ou pola lei.
É posible que non enviemos ningún aviso en caso de que se desactivase ou piratease a conta. Pode que non enviemos avisos se se producen emerxencias (por exemplo: ameazas para a seguranza dun neno ou para a vida dalgunha persoa), en cuxo caso, faremos o envío cando teñamos constancia de que a situación de emerxencia finalizou.
Solicitudes de axencias gobernamentais dos EUA en casos civís, administrativos e penais
A cuarta emenda da constitución dos EUA e a lei de privacidade das comunicacións electrónicas (ECPA) restrinxen a capacidade do goberno de forzar a un fornecedor a revelar información dos usuarios. As autoridades estadounidenses deben polo menos levar a cabo as seguintes medidas:
- En todos os casos: emitir unha citación para forzar a revelación de información básica sobre o rexistro de subscritores e de determinados enderezos IP.
- Nos casos penais
- Conseguir unha orde xudicial para forzar a revelación de rexistros sen contidos, por exemplo, os campos Para, De, Cc, Cco e Marca de tempo dos correos electrónicos.
- Conseguir unha orde de rexistro para forzar a revelación do contido de comunicacións, por exemplo, mensaxes de correo electrónico, documentos e fotos.
Solicitudes de axencias gobernamentais dos EUA en casos relacionados coa seguranza nacional
En investigacións relacionadas con temas de seguranza nacional, o goberno dos EUA pode utilizar unha carta de seguridade nacional (NSL) ou unha das autoridades asignadas conforme á lei estadounidense de vixilancia da intelixencia estranxeira (FISA) para forzar a Google a fornecer información dos usuarios.
- As cartas de seguranza nacional non requiren ningunha autorización xudicial e só se poden utilizar para forzarnos a fornecer información limitada sobre os subscritores.
- As ordes e autorizacións conforme á FISA poden utilizarse para forzar a vixilancia electrónica e a revelación de datos almacenados, incluídos contidos de servizos como Gmail, Drive e Fotos.
Solicitudes de autoridades gobernamentais de fóra dos EUA
En ocasións Google LLC recibe solicitudes de revelación de datos de autoridades gobernamentais situadas fóra dos EUA. Cando recibamos unha destas solicitudes, podemos fornecer información dos usuarios se esta acción cumpre con todo o seguinte:
- As leis dos EUA, o cal significa que o acceso e a revelación se permiten conforme ás leis aplicables dos EUA, por exemplo, a lei de privacidade das comunicacións electrónicas (ECPA).
- As leis do país desde o que se emite a solicitude, o cal significa que a autoridade correspondente debe seguir o mesmo procedemento e os requisitos legais correspondentes que se aplicarían se se fixese a solicitude a un fornecedor local dun servizo similar.
- As normas internacionais, o cal significa que só proporcionaremos datos en resposta a solicitudes que cumpran cos principios de liberdade de expresión e privacidade da Global Network Initiative e as súas directrices de implementación asociadas.
- As políticas de Google, que inclúen as condicións de servizo e as políticas de privacidade aplicables, así como as políticas relacionadas coa protección da liberdade de expresión.
Debido a que Google Ireland é a entidade responsable de proporcionar a maioría dos servizos de Google no Espazo Económico Europeo e Suíza, tamén recibe solicitudes de información dos usuarios.
Solicitudes das axencias gobernamentais irlandesas
Google Ireland ten en conta as leis irlandesas á hora de avaliar as solicitudes de información dos usuarios efectuadas por parte dunha axencia irlandesa. A lexislación irlandesa esixe ás autoridades do cumprimento da lei de Irlanda obter unha orde autorizada xudicialmente para forzar a Google Ireland a proporcionar información dos usuarios.
Solicitudes das autoridades gobernamentais de fóra de Irlanda
Google Ireland ofrece servizos aos usuarios situados no Espazo Económico Europeo e Suíza e, en ocasións, recibimos solicitudes de revelación de datos de autoridades gobernamentais de fóra de Irlanda. Neste caso, podemos proporcionar datos dos usuarios sempre que se cumpra con todo o seguinte:
- As leis irlandesas, o cal significa que o acceso e a revelación se permiten conforme ás leis aplicables de Irlanda, por exemplo, a lei de xustiza penal.
- As leis da Unión Europea (UE) aplicables en Irlanda, o cal fai referencia ás leis da UE aplicables en Irlanda, incluído o Regulamento xeral de protección de datos (RXPD).
- As leis do país desde o que se emite a solicitude, o cal significa que a autoridade correspondente debe seguir o mesmo procedemento e os requisitos legais correspondentes que se aplicarían se se fixese a solicitude a un fornecedor local dun servizo similar.
- As normas internacionais, o cal significa que só proporcionaremos datos en resposta a solicitudes que cumpran cos principios de liberdade de expresión e privacidade da Global Network Initiative e as súas directrices de implementación asociadas.
- As políticas de Google, que inclúen as condicións de servizo e as políticas de privacidade aplicables, así como as políticas relacionadas coa protección da liberdade de expresión.
Se temos motivos razoables para crer que podemos evitar que alguén morra ou sufra lesións físicas graves, podemos proporcionar información a unha axencia gobernamental (por exemplo, en casos de ameazas de bomba, tiroteos escolares, secuestros, prevención de suicidios e persoas desaparecidas). Continuaremos considerando estas solicitudes tendo en conta as leis aplicables e as nosas políticas.