Como protexe Google a miña privacidade e mantén segura a miña información?
Sabemos que a seguridade e a privacidade son importantes para ti, pero tamén son importantes para nós. Proporcionar unha seguridade sólida e ofrecerche a confianza de que a túa información está segura e de que podes acceder a ela cando o precises é a nosa prioridade.
Estamos a traballar constantemente para garantir unha alta seguridade, protexer a túa privacidade e facer que Google sexa aínda máis eficiente. Gastamos miles de millóns de dólares cada ano en seguridade e contratamos expertos de fama mundial en seguranza de datos para manter a salvo a túa información. Tamén creamos ferramentas de seguridade e privacidade fáciles de usar, como a sección Panel de control de Google, a verificación en 2 pasos e a configuración de anuncios personalizada, dispoñible en O meu centro de anuncios. Por iso, no tocante á información que compartes con Google, ti tes o control.
Para obter máis información acerca da seguranza online, incluído como protexerte a ti e á túa familia, visita o Centro de seguranza de Google.
Máis información acerca de como protexemos os teus datos persoais, como os mantemos en privado e como permitimos que teñas o control.
Por que a miña conta está asociada a unha rexión?
A túa conta está asociada a unha rexión ou a un territorio nas Condicións de servizo para que poidamos determinar varias cousas:
- A empresa vinculada a Google que proporciona os servizos procesa a túa información e é responsable de cumprir a lexislación aplicable relativa á privacidade. En xeral, Google ofrece os seus servizos para consumidores a través de dúas empresas:
- Google Ireland Limited para quen estea no Espazo Económico Europeo (que abrangue Islandia, Liechtenstein, Noruega e a Unión Europea) ou en Suíza.
- Google LLC, con sede nos Estados Unidos, para quen estea noutros lugares.
- A versión das Condicións de servizo pola que se regula a nosa relación, que varía en función da lexislación local.
- A aplicación dos requisitos específicos da rexión onde vives para o acceso aos servizos de Google
Como determinamos a rexión asociada á túa conta?
Cando creas unha Conta de Google nova, asociámola a unha rexión en función do lugar desde o que a creas. No caso das contas que teñen un ano de antigüidade ou máis, usamos a rexión desde a que adoitas acceder aos servizos de Google, que a miúdo coincide co lugar no que pasaches máis tempo no último ano.
En xeral, viaxar con frecuencia non lle afecta á rexión asociada á túa conta. Se te mudas a outra rexión, podemos tardar aproximadamente un ano en cambiar a rexión asociada á túa conta.
Se a rexión asociada á túa conta non coincide coa túa rexión de residencia, pode deberse a que vives e traballas en rexións distintas, porque instalaches unha rede privada virtual (VPN) para enmascarar o teu enderezo IP, ou a que estás preto dunha fronteira. Se non estás de acordo coa rexión asociada á túa conta, envía unha solicitude para cambiar a rexión.
Como podo eliminar a miña información dos resultados da busca de Google?
Os resultados da busca de Google son un reflexo do contido dispoñible publicamente na web. Os motores de busca non poden eliminar o contido directamente dos sitios web, xa que a eliminación dos resultados da busca de Google non eliminaría o contido da web. Se queres eliminar contido da web, debes contactar co administrador web do sitio en que está publicado o contido e solicitarlle que faga un cambio. Unha vez que se elimine o contido e Google teña en conta a actualización, a información xa non volverá aparecer nos resultados da busca de Google. Se tes unha solicitude de eliminación urxente, tamén podes visitar a nosa páxina de axuda para obter máis información.
Envíanse as miñas consultas de busca aos sitios web cando fago clic nos resultados da busca de Google?
Polo xeral, non. Cando fas clic nun resultado na Busca de Google, o navegador web envíalle certa información á páxina web de destino. Os teus termos de busca poderían aparecer no enderezo de Internet ou URL da páxina de resultados de busca, pero o obxectivo da Busca de Google é impedir que os navegadores envíen ese enderezo á páxina de destino como URL do referenciador. Facilitamos datos sobre buscas a través de Tendencias de Google e da Consola da Busca de Google; pero, sempre que o facemos, agregamos as consultas, de tal forma que nunca compartimos as dun único usuario.